Páxinas

mércores, 22 de abril de 2020

CARTA PARA COMUNICARSE

Hoxe, se temos que comunicarnos con alguén que non está presente, podemos empregar o móbil,mandar un Whatsapp ou un correo electrónico.Empregamos as tecnoloxías.

A comunicación pode ser máis inmediata e pode incluir mensaxes curtas, audios, videos...

Pero, como facían os nosos avós e bisavós emigrados para comunicarse coa familia desde lonxe se non existían os móbiles nin os medios tecnolóxicos de agora?

CARTAS para comunicarse! 

A palabra escollida e escrita é máis reflexionada.
Ao tratarse dunha comunicación non inmediata, tiñan que pensar moito máis as palabras que escribían.

As cartas teñen unha estrutura que debemos respectar.
Como se escribe unha carta? Imos por partes:


 1. Lugar desde onde se escribe e data, arriba á dereita.

 2. Saúdo, xa na esquerda e antes dos ":" (dous puntos). 
O saúdo pode ser máis ou menos formal. Iso vai depender da persoa destinataria á que nos diriximos.
Por exemplo,
Querida Amiga:
Estimadas familias:
Como  a carta non é unha mensaxe de móbil, nin un correo electrónico , traballamos mellor o saúdo e evitamos fórmulas demasiado informais como "Ola!", ou "Bo día!".
Ante a dúbida...Comezar sempre con "Querida" ou "Querido", "Estimada" ou Estimado". 

3. Contido ou corpo. É a parte máis longa da carta. Temos que ter en conta que a persoa que vai dirixida non nos pode contestar no momento.Daquela somos só emisores nesta parte da comunicación. As cartas son para ler...e deben ser máis ben  longas.

Estruturamos ben os parágrafos. 
Contamos cal é o motivo ou motivos polos que escribimos a carta.
Expresámonos ordenadamente.
Poñémonos no lugar de quen vai a recibir a carta. Asegurámonos que se entende ben a idea,sentimento ou opinión que queremos expresar.
Non temos présa. Trátase de pensar moito e elixir ben as palabras.

4. Despedida e cerre. Unha vez finalizado co corpo da carta, redactamos unha despedida con un cerre.
Exemplo,
Agardo ter novas túas moi pronto.
Saúdos e moita Saúde.Lémonos!
Unha aperta tamaño horizonte!
Asinamos co noso nome, abaixo á dereita.

5. PD (Post data) . Ás veces pode ocorrer que, xa escrita a carta e antes de metela no sobre, lembramos algo importante que se nos esqueceu escribir na carta.
Pois...Tranquilidade! Engadimos as letras maiúsculas
 P.D.e aquelo importante.
 
Interesante isto de escribir cartas,non? 
Podémonos adaptar ao xeito de comunicarse das persoas maiores e ao xeito de comunicarse antigamente.

Lembra que as cartas é un escrito de resposta non inmediata.
Debemos esforzarnos porque se nos entenda ben.
Boa letra e pensar ben as frases antes de escribir.
Revisa e revisa o escrito.
Se é unha carta formal, é aconsellable facer un borrador e logo pasar a limpo.

Cartas en tempos de confinamento...Reflexionamos e melloramos a forma de expresar por escrito os nosos pensamentos.
Escribir, con e sen tecnoloxías!


Enlace ao audio  para escoitar o texto

Ningún comentario:

Publicar un comentario