Páxinas

xoves, 30 de abril de 2020

HAI QUE PREGUNTAR...A QUEN SABE!

O alumnado de Segundo é experto en 
PINGÜÍNS.

A ver se nos aclaran cun pequeno texto e audio o que queremos saber...

Que necesitan os pingüíns?
Que é o Krill?
Que ocorre co xeo e co Krill?
Como podemos axudarlles?

Texto e audio para aprender Ciencia!

DA INFORMACIÓN AO COÑECEMENTO.PDI

 PDI: Proxecto Documental Integrado

 O PDI é unha forma de traballo que permite transformar a información en coñecemento.
Acción educativa coa Biblioteca

Investigación:
1. Decidir un tema
2. Deseño dun plan . Rexistro do proceso.
  • Que sabemos?
  • Que nos gustaría saber?
  • Onde buscar?
  • Como o imos expresar? Proposta de traballo final .
Por exemplo, na clase de Segundo...Os Pingüíns.

Foto do plan de traballo sobre Os Pingüíns.PDI 2ºPrimaria

A información está na Biblioteca en multiplicidade de documentos. Hai que aprender a traballar coas distintas  informacións.
 Podemos partir dunha Bibliografía temática.


Bibliografía de partida para traballar sobre Os Pingüíns. 2º Primaria

Procesamento da información:
1. Procurar a información.
2. Construír o coñecemento.
3. Comunicar o aprendido nos distintos documentos.

Traballamos Autoaprendizaxe e Tecnoloxía.

Competencias:
  • Saber que información é importante.
  • Ler en distintos soportes,ler distintas informacións.
  • Entender o que lemos
  • Comparar e valorar as fontes consultadas.
  • Argumentar, reflexionar.
  • Ser responsables, estar ben informados.


Visitas e charlas de persoas expertas, documentais...
tamén son recursos moi valiosos.

Enlace ao blogue de Segundo

Enlace ao vídeo coas conclusións

TEXTO E AUDIO NAS CIENCIAS

Están chegando moi interesantes textos e audios para traballar Ciencias.

Gústanos moito traballar Ciencias sen libros de texto! 

Como facemos? 
INFORMÁMONOS, DOCUMENTÁMONOS
A través dos libros da biblioteca,
libros informativos, revistas especializadas,
facendo experimentos,vendo outros experimentos,
escoitando a persoas expertas,
investigando  e consultando información na internet.

1.Lemos moito,
2. Recollemos os datos importantes e as fontes consultadas
3. Ordenamos a información 
(mapa conceptual, esquema ou guión)
4. Elaboramos bos textos 
5. Gravamos os audios dos textos

No noso caderno imos construíndo o noso propio libro. 
Asegurámonos de que  a información é fiable e está actualizada.
 
É moito traballiño, pero tamén moita aprendizaxe!
Non só aprendemos Ciencia,tamén Lingua.

Como elaboramos bos textos? Planificamos.
Ordenamos a estrutura do texto. Mapa conductual.


Poñemos un  título claro. (As plantas)

Redactamos o texto explicativo-informativo.
Ben feito, como se fose para publicar nun libro de texto.
Daquela, coidamos moito a linguaxe e a ortografía.
Elaboramos boas frases e bos parágrafos.
Consultamos o dicionario... 
Corriximos e corriximos.

Logo de ter claro o tema, coa información traballada podemos facer outro tipo de textos máis literarios ou creativos sobre o mesmo tema 
(A importancia das plantas).
Unha carta de agradecemento ás plantas,
unha canción,un rap, un poema, ...

 Gravar en audio, para que?
Para seguir aprendendo! E para compartir o aprendido.

O proceso de gravación e escoita axúdanos a mellorar  a nosa expresión e a ter máis claro o aprendido.
Se temos a información en audio podemos aprender da escoita. Quedarán máis claros os conceptos!


mércores, 29 de abril de 2020

CORPO PARA EXPRESAR

O mundo está parado?
Mente en branco
Guadi Galego

Música, danza...corpo para expresar!
O bailarín Fredi Muíño!


  

29 de Abril, Día Internacional da Danza.

martes, 28 de abril de 2020

HORA DA ESCOITA. CAPÍTULO XII

No capítulo 11 escoitamos sobre a  biodiversidade
  (bio-Vida) que hai na Fraga.

12. Os inimigos da fraga



Con este capítulo, a través da conversa de Clara e Nimo, aprendemos moito sobre a lenda orixe dos didgeridoos , sobre os eucaliptos e sobre os corvos.

Escoita ben e logo expón a información aprendida...
Que sabemos sobre:

1. Os didgeridoos. Que son e que conta a lenda.
2. Os eucaliptos. 

Non teñas présa! Escoita, dalle ao Pause e recolle a información necesaria
Logo redacta un bo texto. Elabora ben as frases e corrixe.
Despois de que teñas un bo texto, practica e grava o audio.

Céntrate primeiro nun dos textos e o seu audio. 
Cando teñas resolto a orixe dos didgeridoos xa podes centrarte nos eucaliptos.
Ou, podes comezar polos eucaliptos!

Lembra que os obxectivos son:
  • Escoitar con atención
  • recoller os datos
  • elaborar bos textos ordeando os datos
  • corrixir os propios textos
  • practicar a lectura en voz alta
  • gravar bos audios comunicando o aprendido
Todo o proceso require tempo e esforzo.
Reparte a tarefa en días e vai facendo...
É preferible que só fagas un dos textos ben feito
(Os eucaliptos, por exemplo)

Non hai présa! Hai oportunidades de aprendizaxe!

sábado, 25 de abril de 2020

MÚSICA PARA NOVOS CAPÍTULOS

O DIDGERIDOO,semella unha grande trompeta de madeira.

 




 
No capítulo 12, saberemos algo máis deste aerófono.
Nimo toca o digdgeridoo e cóntalle a Clara a lenda
da súa orixe.


Peer Gynt é un drama do escritor noruegués Henrik Ibsen.
Está escrito en verso. É do ano 1867.

Outro  noruegués, o músico  Edvard Grieg compuxo
 A Canción de Solveig, a que amaba a Peer Gynt.

Unha canción triste e asemade fermosa, que Nimo asubiaba...


LER E APRENDER

É necesario e importante LER todos os días.
Ler é alimento para o noso cerebro e para a nosa alma,
na súa fame de palabras. 

Lemos con moitos obxectivos distintos.
Lemos por pracer
tamén lemos para aprender.
Lemos para informarnos ou
para consultar informacións.
Lemos para coñecer lugares, personaxes
e moitos referentes.
Ler axúdanos a mellorar na Lingua:
  • aprender vocabulario novo,
  • a ver distintas formas de escoller palabras e elaborar frases para contar historias.
  • Tamén axuda a mellorar a nosa ortografía. Nun libro, as palabras están ben escritas. Só temos que fixarnos!
 "Un libro é un amigo que pode corrixirte sin xulgarte".
 Carmen de Máximo

xoves, 23 de abril de 2020

LIBROS E LECTURAS

En abril, Libros e Lecturas mil!
Importante é o que facemos coas lecturas que lemos...



Que facemos co que lemos?

 Un fragmento de Unha misión para Clara:

__ Moito sabes, Nimo! Onde aprendiches tanto?!
__ Nos libros, miña Amiga, nos libros. 
     O primeiro que leo é o da natureza, máis tamén entro  nas Bibliotecas. Non quero que o sacrificio de árbores para facer papel sexa en van.
 

mércores, 22 de abril de 2020

CARTA PARA COMUNICARSE

Hoxe, se temos que comunicarnos con alguén que non está presente, podemos empregar o móbil,mandar un Whatsapp ou un correo electrónico.Empregamos as tecnoloxías.

A comunicación pode ser máis inmediata e pode incluir mensaxes curtas, audios, videos...

Pero, como facían os nosos avós e bisavós emigrados para comunicarse coa familia desde lonxe se non existían os móbiles nin os medios tecnolóxicos de agora?

CARTAS para comunicarse! 

A palabra escollida e escrita é máis reflexionada.
Ao tratarse dunha comunicación non inmediata, tiñan que pensar moito máis as palabras que escribían.

As cartas teñen unha estrutura que debemos respectar.
Como se escribe unha carta? Imos por partes:


 1. Lugar desde onde se escribe e data, arriba á dereita.

 2. Saúdo, xa na esquerda e antes dos ":" (dous puntos). 
O saúdo pode ser máis ou menos formal. Iso vai depender da persoa destinataria á que nos diriximos.
Por exemplo,
Querida Amiga:
Estimadas familias:
Como  a carta non é unha mensaxe de móbil, nin un correo electrónico , traballamos mellor o saúdo e evitamos fórmulas demasiado informais como "Ola!", ou "Bo día!".
Ante a dúbida...Comezar sempre con "Querida" ou "Querido", "Estimada" ou Estimado". 

3. Contido ou corpo. É a parte máis longa da carta. Temos que ter en conta que a persoa que vai dirixida non nos pode contestar no momento.Daquela somos só emisores nesta parte da comunicación. As cartas son para ler...e deben ser máis ben  longas.

Estruturamos ben os parágrafos. 
Contamos cal é o motivo ou motivos polos que escribimos a carta.
Expresámonos ordenadamente.
Poñémonos no lugar de quen vai a recibir a carta. Asegurámonos que se entende ben a idea,sentimento ou opinión que queremos expresar.
Non temos présa. Trátase de pensar moito e elixir ben as palabras.

4. Despedida e cerre. Unha vez finalizado co corpo da carta, redactamos unha despedida con un cerre.
Exemplo,
Agardo ter novas túas moi pronto.
Saúdos e moita Saúde.Lémonos!
Unha aperta tamaño horizonte!
Asinamos co noso nome, abaixo á dereita.

5. PD (Post data) . Ás veces pode ocorrer que, xa escrita a carta e antes de metela no sobre, lembramos algo importante que se nos esqueceu escribir na carta.
Pois...Tranquilidade! Engadimos as letras maiúsculas
 P.D.e aquelo importante.
 
Interesante isto de escribir cartas,non? 
Podémonos adaptar ao xeito de comunicarse das persoas maiores e ao xeito de comunicarse antigamente.

Lembra que as cartas é un escrito de resposta non inmediata.
Debemos esforzarnos porque se nos entenda ben.
Boa letra e pensar ben as frases antes de escribir.
Revisa e revisa o escrito.
Se é unha carta formal, é aconsellable facer un borrador e logo pasar a limpo.

Cartas en tempos de confinamento...Reflexionamos e melloramos a forma de expresar por escrito os nosos pensamentos.
Escribir, con e sen tecnoloxías!


Enlace ao audio  para escoitar o texto

martes, 21 de abril de 2020

ESCOITA. CANTA VIDA HAI NUNHA FRAGA!


Canta Vida hai nunha fraga!

El bosque animado é unha novela do escritor Wenceslao Fernández Flórez publicada no 1943.
Temática:  a vida de todas as criaturas que forman
 A Fraga de Cecebre

Na Fraga de Pedrasirtas tamén hai moitísima Vida...

Escoitamos o capítulo XI de Unha misión para Clara:

11. Chegan malas novas de Pedrasirtas


 
Unha misión... para vós!

1. Busca imaxes para coñecer  cada unha das especies arbóreas que se nombran: carballos, castiñeiros, freixos, acivros, bidueiros, loureiros, albedros, abrairas, ameneiros, capudres, pradairos,... 

Podes facer un collage ou presentación etiquetando cada imaxe co nome da árbore.

Tanto as árbores como as herbas aromáticas pertencen ao Reino Vexetal (Plantae).

sábado, 18 de abril de 2020

IMAXES e COLLAGE


Para atopar imaxes que ilustren os nosos traballos podemos:
  • Tirar fotos (cámara do móbil ou tableta)
  • Facer debuxos e tirar fotos.
  • Buscar en Google Imaxes 
 

Se necesitamos consultar e ver como é unha planta, animal...
Google Imaxes é moi útil.
Se imos a utilizar a imaxe nos nosos traballos temos que asegurarnos que temos permiso para usala...
Buscamos imaxenes con licencia Creative Commons.

 Enlace a Pixabay ,un dos bancos de imaxes con licencia CC.

Coa aplicación Fotos, Amanda puido editar, etiquetar e facer un collage das herbas aromáticas...

Uumm...arrecende!

mércores, 15 de abril de 2020

VIDEOS PARA EXPLICAR APRENDIZAXES

Cando traballamos por Proxectos ou cando experimentamos no Club de Ciencia, ás veces rexistramos o proceso e as conclusións do aprendido nun vídeo.
Vídeos explicativos. 
Por exemplo, os vídeos do cole con moita ciencia:


  
Enlace á Canle de vídeos de experimentos do cole

A clase dos verdes, de 5 anos, ilustrou o seu experimento para comprobar se flotaban os ovos:

Conclusión: O ovo flota na auga moi salgada.

A clase dos azuis tamén fixo o seu experimento e aprenderon que...A purpurina contamina!

Ademais, a purpurina faise invisible na auga...
A purpurina vai a dar ao mar...E os seres vivos contaminámonos...

Fixámonos como están feitos os vídeos de Infantil e
tamén os de 1º e 2º de Primaria.

Que aprendimos cos vídeos? Que sabemos agora
 sobre os plásticos, a contaminación, o composteiro
 e  os pingüíns?

 Conta o aprendido como queiras: frases, texto, audio ou video cortiño! Agardo polas vosas explicacións.

TEXTO E AUDIO CON AINHOA L.

Dos moitísimos traballos que enviou Ainhoa Lamelas, destacamos o proceso de elaboración do texto e audio
sobre Os Malvaviscos.

1. Elaboración do mapa conceptual.
2. Búsqueda da información.
3. Traducir a información ao galego.
4. Construir cada resposta con frases ben feitas.


Do borrador inicial houbo que corrixir o nome dos ingredientes: azucre, xarope de millo, clara de ovo batida, xelatina, goma arábiga e aromatizantes.

Unha vez estruturada e corrixida a información...o seguinte paso era o audio...

Escoitamos!  
Grazas, Ainhoa!

martes, 14 de abril de 2020

ESCOITAMOS A AMANDA

Algúns dos Audios...Escoitamos!






Outro texto sobre quen foi Áurea Rodríguez.
A gaita de Amanda interpretando
A Marcha do Antiguo Reino de Galicia e Polca do Ulla.
A importancia da Vitamina D.
Os Malvaviscos.

Grazas,Amanda,polo teu esforzo e traballo!
 
 

luns, 13 de abril de 2020

HORA DA ESCOITA. CAPÍTULO IX


9. As maneiras do trasno Silván




PROPOSTA

1. Reino vexetal.Lembra  a clasificación científica dos 5 reinos de seres vivos. Explica cales son as características de cada grupo. (Podes facer un esquema, un texto e logo gravar o audio).

2. Herbas aromáticas. Coñeces algunha? No capítulo citanse o romeu, a lavanda e a espiña de toxo...(Busca imaxes).

3. Que ingredientes leva saborosa ensalada multicolor que preparou María? (Lembra respostar dándolle a volta á pregunta e construíndo unha moi boa frase).

 

martes, 7 de abril de 2020

A TÚA OPINIÓN

Temos claro o importante que é ler...Pero, facémolo?

Estamos en Abril e estamos na casa.
En Abril hai varias celebracións que teñen que ver co Libro:
  • 2 Abril. Día Internacional do Libro Infantil e xuvenil
  • 23 Abril. Día Internacional do Libro
 Atención, necesitamos da túa colaboración, da túa opinión.

QUE TEN QUE TER UN LIBRO
 PARA QUE TEÑAS GANAS DE LELO?

1. Pensa ben a túa resposta.
2. Escribe, redacta  ordenadamente a túa resposta. 
Xa sabes que escribir axuda a pensar mellor.
3. Grava en audio a túa opinión
(Ver entrada Do texto ao audio) Grava en .mp3
4. Envía o teu audio a 
ermiclase@gmail.com

Cos audios que cheguen farase un Podcast: un arquivo de audio para publicar incluindo todas as opinións.

Exprésate e explica ben a túa opinión.
Grava ben, que se entenda claramente.

Para Galdiño e para a Biblioteca do colexio serán moi útiles as vosas demandas. 

xoves, 2 de abril de 2020

HORA DA ESCOITA. CAPÍTULO VIII

O propósito de Clara era abrir a maleta...(cap 7)
A sorpresa foi...maiúscula!
Xa sabedes o que había na maleta,non?

Ben, pois chegou o momento de
aclarar algunhas cuestións...

8. Uns seres moi festeiros 

O NYCKELHARPA. HORA DA ESCOITA.


Xa está resolto o misterio da maleta.
No capítulo VIII , 
Clara fai preguntas e Nimo responde. 

Quen é Nimo?  Que sabemos del?
"Non é un ser humano pero ten humanidade". 
Como pode ser iso?


Nimo é de Suecia. Sabe tocar o nyckelharpa.
O nyckelharpa é un instrumento tradicional 
de orixe sueco.

 

O nyckelharpa é un instrumento de corda.
Como unha guitarra, colócase con unha correa arredor do pescozo.
As cordas frétanse con un arco, en vertical.

O nyckelharpa, pola súa forma e son, estaría entre o violín e a zanfona, non si?


FÁBULA, PARA ESCOITAR E VER

Escoita, mira, comprende e aprende
con esta Fábula

O corvo e a raposa
producción de  Ardame Visual

FÁBULA (Versión galego) from Adarme Visual on Vimeo.

mércores, 1 de abril de 2020

HORA DA ESCOITA. CAPÍTULO VII

Clara tiña un firme propósito no capítulo VI.
Escoita...
7. O que cabe na maleta


alasar: Respirar de forma axitada e entrecortada por causa da fatiga, da calor, dunha emoción, etc.

arela: Desexo moi forte dunha cousa.

1.Por que tiña Clara tanta présa de chegar á casa?
2.A sorpresa foi maiúscula!Que había na maleta?
3.Quen era o neno e o home da maleta?

TEXTO EXPLICATIVO

Texto explicativo,
texto informativo,
texto para explicar o aprendido!

Moitas das tarefas propostas no colexio seguen un proceso igual ou parecido

1. Procura de información. Onde busco?(fontes)
2. Procesamento da información atopada.
3. Orde e redacción. Explicación do aprendido. 

Por exemplo,o texto sobre
A importancia da VITAMINA D,
que se propón no blogue O Cataventos.


A titora Laura xa vos indica por onde comezar a procura de información:

1. De que forma podemos conseguir vitamina D?
2. Que lle ocorre ao noso corpo se non temos    vitamina D?

Planifica. Mínimo 2 parágrafos.


A importancia da vitamina D
1. Que aporta ao corpo
2. Onde conseguila


A maioría da información que atoparedes na rede 
non está en galego.
Mais,lembrade que o voso texto debe ser en galego.

Sen présa.Consulta as dúbidas co dicionario.
Hai que facelo ben!

DO TEXTO AO AUDIO


Supoñamos que temos un texto ben estruturado e queremos gravalo en audio, coa nosa voz.

Algunhas cuestións antes de gravar:

1. COÑECE BEN O TEXTO. Le varias veces, comprende e estuda ben a súa estrutura.

2. TRANQUILIDADE.Grava só cando teñas tempo e tranquilidade suficiente.

3. VOCALIZA E FALA AMODO. Debes ir máis amodo que cando falas normalmente.
Vocaliza ben para que o que dis
se escoite claramente. Ten que entenderse ben.

4. ATENCIÓN ÁS PAUSAS. Respira con profundidade e lanza a voz con enerxía pero sen berrar.
Fai as pausas. Indica ben cando cambias de frase e de parágrafo. 

5. PRÁCTICA.Canto máis gravacións fagas,mellor. Non te conformes co primeiro resultado. 
Fai varias gravacións do mesmo texto. 
Escoita e escolle con cal te quedas.


Fíxate neste exemplo:
 

HORA DA ESCOITA. ETIQUETA


Na banda dereita deste blog atoparás
o contido organizado por etiquetas.

A etiqueta Hora da Escoita leva a todas as publicacións relacionadas coa Escoita e traballo
co libro Unha misión para Clara

Se queres escoitar por orde todos os capítulos,
ou revisar todas as entradas relacionadas,
so tes que ir á publicación máis antiga
da etiqueta Hora da Escoita.

As entradas están ordenadas desde as máis recentes ás máis antigas.

MÚSICA E IMAXES. VIDEO

A música é unha linguaxe moi directa!

Outro día que chega, canción para levantarse.
Nesta ocasión, a canción é do sétimo disco de
Silvia Penide: El efecto Boomerang.

 Imaxe da portada do disco de Silvia Penide
 As acuarelas de Xosé Iglesias acompañan a
 música. 
 Voces de Silvia Penide e Ugia Pedreira.


TEXTOs.... PARA QUE?


Textos....Para que?

Textos...Para todo!

Para escoitar.
Para ler, para comprender.
Para informarse.
Para aprender. 
Para pensar.
Para ordenar as ideas.
Para facer audios.
Para acompañar videos.
Para informar, para comunicar.
Para contar historias.

Porque sempre hai historias que contar! 

As imáxenes e as pantallas facilitan a transmisión da información.
Pero a palabra escrita, reflexionada,ordenada 
é fundamental na comprensión de historias.
Canto máis traballemos os textos,mellor. Práctica.

Le e escribe!
Deber diario.

HORA DA ESCOITA.CAPÍTULO VI

Despois dos malvaviscos do capítulo V, escoitamos

6. Un firme propósito

   
Frases feitas.
As intervencións da mestra Claudia:

__Baixa das nubes!
__Que che pasa? Estás nas verzas?
__ A atención é un acto voluntario. É normal distraerse pero hai que traer ao rego a imaxinación.
__ Atender ao que estás facendo en cada momento, sen deixar voar a imaxinación

Que quere dicir a mestra Claudia con estas frases feitas?

Cal era o propósito de Clara?

Propósito: Aquelo que unha persoa se propón realizar ou ao que aspira. SINÓNIMOS- fin, finalidade, idea, intención, obxectivo. (Dicionario RAG).
 

VIDEO E AUDIO. HISTORIA EN 10 MIN


Un video moi ben pensado, presentado e montado pode comunicar moitísimo.
Leva tempo e esforzo.
1. Ter claro que contar:a historia
2. Poñer os medios para que se entenda moi ben

Os videos de Carki Productions consiguen explicar temas complicados de xeito doado.

Son videos para ver varias veces. Para  pausalos,   fixarse como están feitos e recoñecer todo o traballo que hai detrás.
Ademais coñecemos un bo resumo da nosa historia.

HISTORIA DE GALICIA EN 10 MINUTOS
Carki Productions
Autor: Gorka Pérez
Documentación: José María Pérez

A voz en off de Salva Vallejo (no video orixinal) foi substituida pola voz de nenas e nenos do CEIP de Rubiáns, despois de pedir os correspondentes permisos a Carki Productions.

O alumnado do colexio de Rubiáns separou o audio do video e traduciu o texto ao galego. 
Para iso pediu permiso, claro.

Imos coa Historia de Galicia contada en galego!
 
Grazas a Carki Productions pola historia e grazas ao CEIP de Rubiáns pola tradución ao galego.